Monday 23 de September de 2024

Feijóo destaca que Galicia é a comunidade de España onde máis baixou o paro xuvenil en 2014


Afirma que o Goberno galego seguirá a traballar no eido da formación a través da educación e facilitando a inserción laboral

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou no pleno do Parlamento que Galicia é a Comunidade Autónoma de España onde máis baixou o paro rexistrado en menores de 25 anos en 2014, pasando dos 16.700 parados en 2013 a 13.100, unha redución do 21,5%.

Ante esta cifra, e co obxectivo de garantir o futuro dos mozos, Feijóo afirmou que o Goberno galego seguirá a traballar no eido da formación a través da educación e facilitando a inserción laboral.

No tocante ao primeiro aspecto, Feijóo salientou que desde 2009 o número de escolas infantís creceu máis dobre que en época de bonanza económica. “En plena recesión económica, fomos quen de crear case 4.000 novas prazas en escolas infantís e co compromiso de engadir 500 prazas máis”, aseverou, logo de lembrar a posta en servizo de 9.000 prazas de comedores escolares, o que supón un incremento do 22%; a dixitalización de todas as aulas; “e, hoxe –engadiu-, 85.000 mozos están estudando no ensino público de Galicia unha lingua estranxeira, incrementamos en 20.000 as prazas en Formación Profesional e Galicia mantén as taxas universitarias máis baixas de España”.

“En definitiva, hoxe se pode estudar mellor en Galicia en que época de bonanza económica; é máis barato estudar na Comunidade que no resto de España; hai máis aulas con ordenadores, máis idiomas e máis prazas de FP que en época de benestar económico”, aseverou a o modo de resumo, ao que engadiu que hoxe Galicia é unha das comunidades na que menos mozos saíron a outras comunidades ou ao estranxeiro, sendo 2007 o ano no que máis mozos emigraron (13.000 fronte a os 11.700 de agora).

No eido da inserción laboral, o responsable autonómico subliñou que o Plan de emprego xuvenil conta con cen millóns de euros, “dos que xa dispuxemos do 50% na primeira anualidade”, e compleméntase e refórzase co Programa de garantía xuvenil, produto do acordo alcanzado coa Confederación de Empresarios de Galicia, a UXT e Comisións Obreiras.

Galicia, a comunidade que menos incrementou a súa débeda pública no 2014
Así mesmo, e en resposta a unha pregunta de AGE, Feijóo afirmou que Galicia vén mantendo unha política de control do endebedamento e do déficit público e, como proba disto, salientou que no 2014, Galicia é a autonomía que menos incrementou a súa débeda pública. “E somos a segunda comunidade que menos incrementou a débeda pública desde 2009, despois da Comunidade de Madrid (Madrid 133%, Galicia 151%), incrementando a súa débeda pública 70 puntos menos que a media das comunidades (221%)”, precisou.

Feijóo concluíu aseverando que Galicia seguirá a recorrer á débeda pública autorizada porque cre na sanidade pública, na educación pública e nos servizos sociais públicos. “Temos débeda pública para manter os servizos públicos en época de recesión económica e porque estamos xestionando Galicia con 2.000 millóns menos cada ano. Pagamos en 21 días de media, fronte ao máis de 50 días de media doutras comunidades. Fixemos 31 centros educativos; 36 centros de saúde e temos todos os hospitais en obras; 23 centros de día; 72 escolas infantís; 38 residencias para maiores; 147 quilómetros en vías de alta capacidade; o 50% do saneamento da ría de Ferrol, o 50% do saneamento da ría de Vigo e 36 novas depuradoras”, precisou, máis polo miúdo.